quarta-feira, dezembro 05, 2007

Perdida Carcasona a cidade os dias os rostros que tiveches



nunca mais volverás a carcasona

di adeus á cidade encaramada nos outeiros

e á que repta e se adelgaza na planicie até o horizonte

e á que pendura do precipicio como agoiro



crerás que foi por desangrares as palabras

porque é bon inventar o mundo e rostros que o fecunden

necesario coma un viño tépedo e sal para a viaxe

ainda que en cada pulsason sexa a morte a que palpite

cando esixe o seu tributo en cicatrices


todo regresa con vagar para ser cerna

endurecido tal vez no adubo da nortada

onde o tacto é insensibel e hai agullas

afiadas na mesma mola que a caricia

todo regresa ao seu centro e no seu limite



nunca mais procures carcasona

hai un bosque entre ti e o que xa fuches

milenario en humus terra estéril

e anoitece con vagar entre os teus ollos.


Xosé Manuel Millán Otero, "As palabras no espello", 1995